AMBIENTACIÓNS ARTÍSTICAS E PEDAGÓXICAS

En contextos socioculturais

Participamos en proxectos sociais e culturais nos que a ambientación da forma, contido educativo e plasticidade ao contexto.

O salón

O SALÓN do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é iniciativa sociocultural, un punto de encontro entre o mundo dos libros, a lingua e literatura galega e os lectores e as lectoras máis xoves.

 Dende o ano 2005 o equipo de Paspallás creamos e construímos a ambientación dos espazos de lectura e de contacontos partindo de propostas de calidade plástica e visual.

Un dos nosos obxectivos é realizar intervencións interactivas e didácticas cun fin educativo onde se fomenta a participación dos/as usuarios/as.

O resultado son espazos cálidos, de acubillo, orixinais, que espertan a imaxinación.

Feira Franca

A Feira Franca é un evento sociocultural onde toda veciñanza rememora a cidade Medieval que foi Pontevedra.

A nosa implicación como colectivo creativo baséase na realización da ambientación urbana. Recreamos a muralla que rodeaba o casco vello e as portas de entrada a cidade cunha estética coidada e respectuosa que aporta veracidade e identidade a esta feira popular.

En contextos para a saúde

Os proxectos humanización en contextos da saúde teñen como finalidade crear un ambiente acubillo, brando, cómodo, funcional e lúdico aportando solucións creativas e orixinais.

Cada intervención é diferente pois están adaptadas ás distintas necesidades de nenos e nenas, familias e persoal sanitario.

A nosa forma de facer apóiase nunha metodoloxía que combina a linguaxe plástico – visual coa intención pedagóxica, relacionando uso e o deseño a diferentes niveis: intervención artística, organización espacial, mobiliario – xogo, sinalización.

Servizo de Urxencias Pediátricas. Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Arquitecto Marcide.

O bosque como metáfora. As urxencias pediátricas convértense nun lugar que proporciona seguridade e calma. As criaturas Animamutantes acompáñannos polo espazo no cal se entra e se sae, se camiña, se imaxina, se coñece a outras persoas e seres, se explora, se xoga…no Arborixogo sentímonos mellor.

PROXECTO
  • Espazo de saúde: Servizo de Urxencias Pediátricas. Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide.
  • Ano: 2020
  • Localización: Ferrol
  • Equipo: Asociación Paspallás
  • En colaboración con: REMOSS grupo de Investigación da Universidade de Vigo e o arquitecto Diego Germade
  • Patrocinio: Fundación Paideia
  • Fotografía: www.josechas.com
IDEA + REFLEXIÓN + ACCIÓN = PROPOSTA

O proxecto xorde do traballo cooperativo e participativo entre o equipo creativo e o persoal sanitario que se basea no estudo previo das necesidades, tanto espaciais como das persoas.

 Partimos de dous focos de interese, por unha banda redistribuír os espazos e por outra imaxinar unha proposta artístico – pedagóxica axeitada para nenas e nenos.

 Animamutantes son esas estrañas e fermosas criaturas que habitan no Arborixogo. Estas guíannos e acompáñannos na nosa travesía polas urxencias pediátricas.

 As cores indican o percorrido que ben definido pola triaxe médica:  azuis-verdes na sala de espera trocando a amarelos, laranxas e vermellos dentro da sala de atención das urxencias.

 Xogando cunha composición de escalas e planos integramos os elementos visuais, o mobiliario e a sinalización creando distintos niveis para a experimentación.

Materiais como madeira tinxida e ao natural, pezas en corpóreo e pintura mural, aportan textura e plasticidade creando un ambiente cálido e sensorial.

Unha sinalización propia que combina pictos, braille e información textual favorece a accesibilidade comunicativa.

Na liña da humanización integral contribuímos á comodidade do espazo poñendo a disposición de cada paciente uns armarios individuais onde poder gardar o que precisen.

A innovación deste proxecto está na transformación do servizo de urxencias nun contexto educativo inclusivo onde nenos, nenas, familias e profesionais poden beneficiarse, fomentando as experiencias seguras e positivas, liberando o estrés. Todo acompañado dun material didáctico que comprende distintos recursos que convidan a pensar, a interactuar, a adentrarnos no bosque. A simbiose creada entre o xogo imaxinativo, narrativo, de manipulación, creativo e simbólico facilita o autocontrol emocional e a estancia no hospital.

Servizo de Rehabilitación do

Hospital Teresa Herrera de A Coruña

O servizo de Rehabilitación Infantil converteuse nun espazo brando, cómodo, funcional, lúdico e adaptado ás distintas necesidades dos/as nenos/as grazas a aplicación dunha metodoloxía pedagóxica, artística e educativa, combinando uso e deseño a diferentes elementos: mobiliario, xogos, sinalización e ambientación plástica.

PROXECTO
  • Espazo de saúde: Servizo de Rehabilitación infantil do Materno Teresa Herrera
  • Ano: 2017
  • Localización: A Coruña
  • Equipo: Asociación Paspallás
  • En colaboración con: REMOSS grupo de Investigación da Universidade de Vigo e o arquitecto Diego Germade
  • Patrocinio: Fundación Paideia
IDEA + REFLEXIÓN + ACCIÓN = PROPOSTA

As melloras no espazo reverten directamente nos/as nenos/ que cada día acoden ao hospital.

A finalidade do proxecto foi dar un contido didáctico e terapéutico á sala de espera do servizo de Rehabilitación Temperá mellorándoo visual, artística e funcionalmente. Convertemos a intervención nun recurso útil para os/as nenos e nenas que acoden o servicio.

O proxecto artístico apoiase na figura do tangram para crear composicións dinámicas, rítmicas, harmónicas que aportan un carácter vivo ao lugar. O código de cor que utilizamos xera unha imaxe global e integrada da intervención en todos os seus niveis.

Atendendo as suxestións previamente recollidas do persoal do servizo deseñamos uns bancos-muro que serven para delimitar o acceso das padiolas e protexer o espazo das correntes da entrada. Incorporamos nos bancos asentos individuais para maiores e pequenos.

O mobiliario delimita usos e facilita os percorridos.

Os xogos didácticos incorporados na intervención plástica favorecen as relacións entre familiares e pacientes tanto de forma autónoma como compartida. Os xogos posibilitan a realización de actividades que benefician o traballo posterior de rehabilitación e terapéutico.

Deseñamos un material gráfico específico para traballar as emocións básicas (ira,
noxo, ledicia, tristeza, medo e sorpresa) e presentar ao equipo de profesionais do servizo (equipo médico, psicoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, atención temperá, logopeda, estimulación global, traballo social).

A sinalización integra un código visual e táctil adaptado a todos os espazos e necesidades é facilmente lexible e favorece a autonomía e orientación de maiores e pequenos/as.

Cada servizo ten unha cor que o identifica. 

Empregamos os pictogramas de ARASAAC (portal Aragonés da Comunicación Aumentativa e Alternativa) e o sistema braille.

Urxencias Pediátricas do Hospital Clínico de Santiago

A ambientación artística outorga unha nova identidade ao servizo de urxencias pediátricas, responde ás necesidades específicas dos/as pícaros/as en favor do seu benestar social e psicolóxico e mellora a accesibilidade, comunicación, mobilidade, sinalización a través de estratexias lúdico – pedagóxicas.

PROXECTO
  • Espazo de saúde: Urxencias Pediátricas do Hospital Clínico de Santiago
  • Ano: 2017
  • Localización: Santiago de Compostela
  • Equipo: Asociación Paspallás
  • En colaboración con: REMOSS grupo de Investigación da Universidade de Vigo e o arquitecto Diego Germade
IDEA + REFLEXIÓN + ACCIÓN = PROPOSTA

Un bosque de personaxes imaxinarios define a identidade estética e dálle un sentido lúdico á intervención.

O proxecto de ambientación das urxencias pediátricas converte o espazo sanitario nun lugar acolledor e funcional.

Creamos dous grupos de elementos gráficos: o bosque – trama composto de obxectos e figuras da iconografía propia dos/as nenos/as (estrelas, raios, palmeiras…) e unha galería de personaxes “toys arts” únicos e diferentes, partindo de formas orgánicas e sen definición sexual nin de idade.

O código visual é claro, directo e integrador.  Partimos dun estudo previo tendo en conta o espazo preexistente. A gama cromática diferencia as salas de espera A e B (laranxa para as urxencias mais inmediatas e verde para as que poden esperar) facilitando o traballo de triaxe.

O relato que acompaña á proposta estética narra a idea conceptual do proxecto.

Porta de entrada. O vinilo de corte aporta textura, a saturación de elementos gráficos concentra a atención nos mesmos, e a cor negra clarifica a lectura.

Sala de triaxe. Ola! é un xesto amable e unha marca que indica a onde dirixirse.

Incorporamos diferentes xogos como a procura de obxectos nas paredes, a creación de novos personaxes con pezas imantadas, debuxos dos personaxes para pintar e unha selección de álbums ilustrados para compartir lecturas.

Busca 9, busca 7, busca 4. Vinilo de corte sobre madeira tinxida.

Xogo visual na sala de espera A.

O deseño dunha sinalización adaptada facilita a orientación e organización dos diferentes espazos dentro do servizo. Os rótulos das portas parten dunha composición base onde o nome está dentro dun bocadillo e as cores responden a unha gama cromática de verdes e azuis que intégrase co gris do azulexo e o verde da varanda.

Cada unha das porta ten a súa indicación tanto en linguaxe textual como no seu correspondente pictograma, empregamos o código de comunicación aumentativa e alternativa do portal de ARASAAC. Autor pictogramas: Sergio Palao Procedencia: ARASAAC (http://arasaac.org) Licencia: CC (BY-NC-SA) Propiedad: Gobierno de Aragón

Zona de observa. As camas están identificadas cun número de madeira de gran tamaño para que se vexa ben. Son de diferentes tons da gama cromática de verdes e azuis e van sobre unha trama de vinilo cos debuxos dos obxectos. Estas composicións rompen coa seriedade do espazo.

Planta de Neonatos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Arquitecto Marcide

A intervención supón unha mellora na percepción do espazo sanitario como un lugar agradable, creativo e acolledor o que implica un control positivo do estrés ante a vivencia neste tipo de contextos por parte dos nenos/as e familiares. O persoal sanitario sinte que a ambientación outorgou unha identidade propia á planta de nenonatos o que revirte no seu benestar.

PROXECTO
  • Espazo de saúde: Planta de Neonatos. Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide.
  • Ano: 2015
  • Localización: Ferrol
  • Equipo: Asociación Paspallás
  • En colaboración con: Fundación Paideia
IDEA + REFLEXIÓN + ACCIÓN = PROPOSTA

Este proxecto é a continuidade dunha primeira intervención realizada na planta de pediatría de dito hospital. Esta segunda fase céntrase na planta nenonatos e consolida a humanización promovida pola escola hospitalaria.

O tema escollido polo persoal sanitario da planta é o Bosque.

As habitacións e UCI de neonatos distribúense ao longo un corredor cuadrangular o que posibilita a realización dunha intervención secuencial definindo un percorrido visual polas estacións: do inverno ao verán.

Creamos pequenas historias que se suceden dentro do bosque traballando contidos educativos adaptados á franxa de idade de 0 a 3 anos: arriba e abaixo, igual e diferente, imitación das posturas dos animais, diante e detrás…

Os elementos de madeira combínanse coa pintura mural.

Cada estación ten unha gama cromática diferente o que lle dá un carácter rítmico á intervención plástica.

Intervención en vinilo na UCI de neonatos e habitación de aillamento.

A cada unha das habitacións correspóndelle un animal mariño diferente. A idea da familia é unha forma de presentar aos animais: O oso Camilo, a raposa María Luisa, etc

Planta de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Arquitecto Marcide

O xogo como estratexia de humanización favorece espazos de interacción e de sociabilidade, funcionando como material didáctico transversal. A sinalización adaptada mellora a autonomía e mobilidade dos/as pacientes espertando a sensación de comodidade e acollida. Os/as nenos e nenas toman os animais como compañeiros da súa estancia no hospital quedando reflexado nos seus debuxos. O persoal sanitario valora moi positivamente traballar nun entorno cálido, acolledor e funcional. 

PROXECTO
  • Espazo de saúde: Planta de Pediatría. Complexo Hospitalario Univerrsitario Arquitecto Marcide.
  • Ano: 2013
  • Localización: Ferrol
  • Equipo: Asociación Paspallás
  • En colaboración con: Fundación Paideia
IDEA + REFLEXIÓN + ACCIÓN = PROPOSTA

Transformamos a planta de pediatría nun espazo acolledor, brando e  que favorece o xogo autónomo dos/as pacientes de pediatría.

Este proxecto de humanización nace da colaboración coa mestra da escola hospitalaria. Partimos dos obxectivos de mellorar a estancia dos/as nenos/as utilizando o xogo como estratexia da ambientación artística así como crear unha sinalización recoñecible e adaptada aos pacientes  para facilitar a súa autonomía e mobilidade. Por outra banda buscamos consolidar a escola coma un espazo activo, participativo, interdisciplinar e integrador.

A temática de O Mar, elixido polos/as nenos/as e persoal da planta, serve para crear os elementos visuais e gráficos da intervención. As composicións e sintaxe da imaxe (cor, forma, textura) é coherente coa intención pedagóxica do proxecto: ver, aprender e entreternos.

A madeira está tinxida recordando as pinturas dos barcos. A gama cromática remite as cores do mar en tons pouco estridentes, creando unha intervención agradable, cálida e tranquila.

O corredor convértese nunha yinkana pedagóxica onde cada elemento propón unha estratexia lúdica diferente promovendo un novo uso deste espazo, como zona de estar e de xogo.

A habitación das curas é agora un lugar divertido onde os peixes inundan as paredes.

A cada habitación correspóndelle un animal mariño: Lola a caracola, Antón o tiburón, a sardiña Pilariña, o patexo Martín…. O número da habitación convértese nunha imaxe orixinal e única recoñecible polos/as nenos e nenas o que favorece a súa orientación e autonomía.

Un panel expositivo no corredor axuda a difundir o traballo que se fai na escola.

Aula hospitalaria é o lugar onde a mestra trata ao alumnado segundo as súas idades cronolóxicas e a diversidade que presentan empregando ferramentas pedagóxicas e educativas.

Contacta!

Se precisas máis información podes facelo escribíndonos a asociacion.paspallas@gmail.com